Os alumnos deste docente están a gañar os últimos campionatos de debate que se celebran en Galicia
Fonte: LA VOZ 27/02/2019 SUSO VARELA
Os alumnos do IES Becerreá volveron a ser noticia este mes por vencer no Torneo de Debate Académico de Galicia, onde participaron 52 equipos de 27 centros. Un galardón máis a sumar aos catro anos consecutivos gañando no certame Parlamento Xove. O encargado de preparar aos equipos campións é Xulio Teixeiro, profesor de Filosofía que, logo de impartir docencia en Lugo, leva 15 anos no instituto de Becerreá e coñece ben as diferenzas entre traballar nun centro urbano e un de ámbito rural.
-Cando comezaron a presentarse aos concursos de debate?
-Foi no 2008, cando en Galicia se fixo o primeiro de toda España fora do ámbito universitario. Houbo unha oportunidade e probei cos rapaces. Tiñamos e seguimos tendo en contra que somos un centro de menos alumnos (120 este curso) que os das grandes cidades, pero por outra parte tamén che permite coñecer mellor aos rapaces e saber cales son as súas calidades.
-Vostede traballou no Lucus Augusti de Lugo, en Palas e en Becerreá. Que diferenzas notou?
-Ademais de ter máis alumnos, nun gran centro todo é máis complexo. En cambio, nun pequeno hai cousas que xa sabes que nin sequera podes facer. Paradoxalmente, nós en Becerreá non podemos ofertar Oratoria. O bo que ten un instituto dunha vila é que os mozos están máis integrados, coñécense de antes, do colexio, de actividades sociais e deportivas. En cambio, nunha cidade hai máis variedade de alumnos. Non teño unha proba obxectiva, pero en xeral a rapazada do rural quizais é menos conflitiva porque vive nunha sociedade máis integrada, e non tan líquida como sucede nas urbes. Hai máis arraigo familiar.
-Pero ten mérito gañar un campionato de debate cando se parte dunha escolla de alumnos menor.
-Si, porque hai torneos onde ao mellor van 12 alumnos, o 10 % do centro. Pero tamén teño un mellor coñecemento deles e permite deseñar traballos específicos. Vexo que algúns xa naceron para a oratoria, e outros que só necesitan que lles ensines determinadas capacidades. Ao final todos realizan o seu cometido con satisfacción. E logo hai un compoñente social e de motivación extra. Son rapaces que veñen de aldeas de Cervantes, de Baralla, das Nogais... E alguén ten que traelos e recollelos, porque preparamos os campionatos fóra do horario lectivo, incluídos os sábados. Todo isto engade dificultades á tarefa, pero tamén une moito e fai grupo.
-Logo de tantos éxitos, cal é a clave para conseguir ser un grande orador?
-Hai que reducir ao mínimo a improvisación, pero tamén sabendo que hai un factor imprevisible. Hai que conseguir o equilibrio entre telo todo ben preparado e razoado e, á vez, non perder a naturalidade e apelar ás emocións.
-E, polo que lle din os seus ex-alumnos, valeulles de algo a oratoria despois do instituto?
-Eles din que si, que na universidade cando teñen que facer unha exposición pública de traballos agradecen o seu paso pola oratoria e polas competicións. Pero os rapaces sinalan que lles favoreceu mesmo fóra do ámbito académico, no seu autocontrol, na autoestima e noutros aspectos psicolóxicos beneficiosos. E, ademais, non esquezamos que a formación que recibe a maiores un rapaz sobre asuntos que ao mellor non estudaría son coñecementos que quedan. Por exemplo, agora mesmo estamos a preparar o debate sobre as institucións da Unión Europea. Non obstante, por enriba de todo destacaría as experiencias que viven nos torneos, as viaxes, as relacións que establecen con outros mozos, as relacións intensas que viven. Son experiencias inesquecibles.