Unha alumna de Becerreá publica un vídeo en defensa do rural en tempos de Covid

Novas: 

Fonte artigo: O Progreso.
Ainhoa Fernández Castro prefire sentar na cantina a carón dos vellos que ir cos máis novos tomarlle unha a Becerreá. Cando pare unha vaca na casa, ela é a primeira que vai botar unha man no parto. Cando viaxa, desfruta dos novos lugares, pero sabe que ningún é como Armesto. "Se as circunstancias mo permiten, seguirei no rural toda a vida", di, coma raiola que se abre camiño entre as pólas do castiñeiro.

Cando se decretou o estado de alarma, esta alumna de 4º da Eso do IES de Becerreá quixo dicirlle ao mundo o afortunada que era vivindo no rural. Para iso, comezou a revisar as fotografías do arquivo familiar. Escolleu as que lle inspiraban maior forza e ledicia. Un becerro recén nacido, un cabalo, ou os tractores dando á volta á muralla de Lugo.

Despois, pediulle á súa amiga Andrea Valle que os acompañase con dous dos seus poemas, Gandeiriñas e Galiza, unha homenaxe a todas as mulleres que coidan do territorio. "Hai maneiras de agarimar a ialma, coidando das vaquiñas, dos porcos e da vida, da vida que nos dá a nosa terra. Coidando das árbores, das rosas dos fentos. Coidando das margaridas e dos merlos", di unha parte dese primeiro poema, recitado pola voz de Andrea.

Ainhoa xa sabe o que quere estudar: veterinaria. Máis que sabelo, "É algo que me sae de dentro", di. Os seus pais teñen unha explotación de leite. "Producimos moito na casa: leite, queixo, iogures... tamén temos galiñas e coellos", comenta. Pero, ás veces, hai que saír comprar fóra, polo que Ainhoa pensa que as normas de confinamento na zona rural deberan ter en conta isto, "e poder coller o coche para abastecernos con máis tranquilidade", comenta.

E, se ben que ela se sente unha privilexiada, tamén mira con preocupación o futuro do rural. No inmediato, témelle á baixada dos prezos do leite ou da carne. "Só falta que o rural, que é quen dá de comer á cidade, non poida subsistir", comenta. A longo prazo, tamén lle preocupa ser das poucas persoas que coñece da súa idade que quere quedar na súa terra, aínda que, co seu exemplo, tal vez empurre a outros. Para iso seguirá facendo vídeos. Xa mesmo está argallando algo sentada nalgún recuncho da casa.