O mundo cultural chora o adeus da Pipa

Novas: 

Fonte: O Progreso (11.01.2018)

A asociación becerrense deixa de convocar os seus tradicionais certames literarios tras preto de tres décadas de incesante actividade. A falta de relevo xeracional e a "indiferenza" institucional foron as causas do seu esmorecemento.

O mundo da cultura galega está de loito e chora estes días a pérdida dun dos seus piares fundamentais na montaña lucense. A asociación A Pipa, de Becerreá, anunciou o seu esmorecemento tras preto de tres décadas levando á súa vila a súa paixón pola literatura ou o teatro. A Pipa despídese e deixa de promover dúas das súas iniciativas máis recoñecidas e que contaban cunha grande aceptación por parte do público: O Certame Literario A Pipa da Alta Montaña Luguesa ou a Noite Poética, que no mes de decembro de 2016 celebraron a súa derradeira edición.

Os membros da entidade anunciaron o seu cese co apoio e o profundo pesar do tecido asociativo e dos centos de persoas que nalgún momento participaron nestes certames. Pesar que choca de fronte coa "indiferenza" das institucións, un dos motivos que propiciou que esta senlleira entidade se fose apagando co paso dos anos.

"Desde que anunciamos a despedida recibimos centos de mensaxes de alento. Sen embargo, non tivemos ningún tipo de resposta das administracións, que deixan ir unha entidade que tanto fixo pola cultura na vila", lamenta Afonso Becerra, o alma máter da asociación, quen sinala que a decisión foi moi difícil.

Os motivos persoais, a falta de relevo xeracional ou a incompatibilidade profesional foron algunhas das causas que axudaron a esmorecer esta entidade. Non obstante, Becerra puntualiza que a falta de apoio das administracións foi o detonante que a levou a pique.

"Notamos unha falta de compromiso por parte das institucións. Puxéronnos moitas trabas burocráticas e non se implicaron como deberían. Sempre fomos nós os que organizamos todo e botamos en falta que nos botasen unha man", criticou, e recordou tamén que o ano pasado comprobaron "estupefactos" que no mes de novembro a Deputación "aínda non tiña publicadas as bases das axudas para as asociacións culturais, polo que nos resultou imposible celebrar os nosos certames en decembro sen unha previsión económica antes".

Ademais, recorda que chegaron a propoñerlle ao Concello de Becerreá que asumise no orzamento unha partida para A Pipa en vez de outorgarlle subvencións, que requerían dun maior trámite burocrático, pero lamenta que esta proposta quedase no aire.

Desde o colectivo sinalan que lles gustaría que alguén tomase o relevo e puntualizan que tecnicamente a asociación seguirá activa ata que consigan dixitalizar toda a documentación que posúen. "Para pechar definitivamente temos que facer accesible toda a información que recabamos nestas tres décadas", explican.

UN SOÑO DE CATIVOS. A Pipa naceu en Becerreá no 1988 como un soño de cinco cativos que puxeron en marcha unha revista cultural baseada na súa vila natal. O seu amor pola cultura levounos a fundar a asociación e a organizar diversas actividades como os certames literarios, que contaron coa presenza de autores tan importantes como Manuel María ou Uxío Novoneyra. Deste xeito, A Pipa converteuse nunha entidade que fixo historia e que agora exhala o seu último alento agardando a ser rescatada para seguir loitando pola cultura galega.