Fonte: O Progreso (15/02/2007) Candidato do BNG á alcaldía “Quero entrar na política porque non se pode ir pola vida de espectador” Ovidio Montaña Regueira é o candidato do BNG á alcaldía de Becerreá para as vindeiras eleccións. Ós seus 42 anos, este veterinario aspira a ser algo máis que un espectador no desenvolvemento da comarca. |
—Por que entra en política?
—É a miña primeira experiencia. Pensei que tiña que me implicar nos problemas do mu
nicipio e aportar algo se podo para melloralo. Cando xurdiu a posibilidade de encabezar o proxecto do BNG decidinme, porque tampouco podes pasar pola vida coma un espectador.
—Cales serán as súas liñas básicas de actuación?
—Becerreá necesita un proxecto global feito de multitude de iniciativas puntuais que leve á xente a recuperar a confianza en sí mesma e en quen a dirixe, porque levamos moitos anos indo costa abaixo e agora percíbese un certo desencanto, como que esto xa non ten remedio.
Non temos moitos servizos nin grandes opcións de emprego e hai que corrixir esa tendencia.
—Por que cre que os becerrenses deberían apoialo?
—Despois de tantos anos coa mesma xente no poder, como o BNG non sexa capaz de invertir a tendencia, mal estamos. É o único partido que pode representar o sentirse orgulloso de ser galego.
—Os problemas no PP pola elección do cabeza de lista poden beneficiar ó BNG?
—Máis que eso é a falta da figura do alcalde dos últimos 26 anos. Ese voto que tiña casi por lei desaparece e quen vote ó PP será porque cre que é a mellor opción, non porque sexa o alcalde que puxo a farola.
—O BNG protesta pola mala organización das feiras.
— A feira ten gran volume de transacción, pero non repercute no pobo todo o que debera. Poderían achegarse outras actividades para atraer máis xente. Tamén podería haber un mercado de produtos locais.