Fonte: El Progreso (16/01/2013) - Galiciaé LV / Axencias
Máis dun centenar de persoas, entre as que se atopan os portavoces dos grupos políticos do Concello de Becerreá, volveron a concentrarse esta mañá, por segundo día consecutivo, ante unha vivenda unifamiliar, situada no lugar de Lamas, para evitar que se execute unha orde de derriba ditada pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
Segundo informou a Efe o tenente de alcalde de Becerreá, Claudio Vázquez, que se atopa entre as persoas concentradas para evitar a derriba, a diferenza do que sucedeu onte, nas inmediacións da vivenda tomou posicións un número importante de axentes da Policía Autonómica, que chegaron ao lugar antes das oito da mañá.
De momento, non se produciron incidentes, pero os veciños colocáronse entre a policía e a casa sobre a que pesa a orde de derriba.
Ademais, o tenente de alcalde explicou que tamén está atravesado no acceso á vivenda un camión que "ía ser utilizado para limpar unha cuneta".
Vázquez subliñou que os veciños que están concentrados ás portas da vivenda, propiedade de José Luis Díaz e da súa familia, están dispostos "a frear a derriba", porque se as forzas de seguridade logran retirar o camión que impide o paso de maquinaria pesada, despois "terán que sacar" xente que apoia á familia afectada.
Pola súa banda, o alcalde do municipio, o socialista Manuel Martínez, recoñeceu que o Concello "non pode oporse á legalidade coa que está a facer a derriba a Xunta de Galicia", pero matizou que "non era unha derriba urxente nin necesaria neste momento, porque a casa non ten un gran impacto urbanístico".
"Está situada nun núcleo que se chama Lamas e o Concello iniciou os trámites para que o Plan Xeral o declarase como núcleo rural, o que podería dar cobertura legal a esta casa e a outras que tamén foron construídas no seu día de forma irregular, pero sobre as que non pesa orde de derriba", sentenciou o rexedor local.
Con todo, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas culpa o Concello de Becerreá da orde de derriba que pesa sobre a casa, polo atraso que acumula a redacción do seu plan xeral, que "permitiría dar amparo legal vivenda, que se atopa en chan rústico".