Ferradura. ¿Quen somos?

¿ Que é A CONFRARÍA DA FERRADURA ?

Coma ben saberedes, na Idade Media as Confrarías xorden en resposta á necesidade sentida de sectores amplos de xentes na procura de protección diante dos atrancos da vida cotiá e das súas angurias. Algo semellante aconteceu na nosa Vila de Becerreá cando no pasado ano 1989, froito dun reclamo de fortalecemento da amistade, de recoñecemento das vontades, e de unión solidaria arredor da "mesa": constituiuse unha Confraría que dende aquela se vén reunindo tódolos 30 de Nadal ás 22:00 horas cos mellores desexos de sorte, ventura e fortuna para os seus membros de cara ó ano entrante. Por todo isto fíxose chamar :

CONFRARÍA DA FERRADURA.
Posúe un Regulamento vencellante para tódolos seus membros. Dos doce artigos que abrangue reprodúcense de seguido dous deles: o adicado á AMISTADE e o referido ós SIMBOLOS.

- "...Esta Confraría constitúese como un grupo de persoas vencelladas á Vila de Becerreá, demócratas e liberais, que só perseguen o obxectivo de colaboura no fortalecemento dunhas relacións de amistade e que propugnan coma valores superiores do seu movemento ó longo dos anos: o bo comer e o bo beber "...............

-"... O símbolo identificativo principal é a ferradura, o báculo e o toisón........os Cofrades Maiores distinguense con boina negra e pano negro.........os diáconos e diaconisas, con boina negra e pano dunha cor diferente según o ano de entrada ........"

O organigrama da Confraría da Ferradura consta dunha Presidencia que simboliza a cohesión, arbitra e modera as relacións; catro Cofrades Maiores que corresponden ós membros fundadores e ideólogos da mesma; e un Chamán ou mestre de cerimonias.
A proposta dun Cofrade Maior, co consenso dos demáis e visto e prace do Presidente , calquera persoa pode ingresar nela (principalmente veciño de Becerreá) no caso de ter asistido dous anos consecutivos á xuntanza. Cumprindo os anteditos requisitos, procédese ó "bautismo simbólico" que os levará a engrosar o estamento dos DIÁCONOS E DIACONISAS (oitenta membros, nestes 10 anos). A benvida consiste, según ora o artigo VI-b, na lectura dunha pasaxe da literatura erótica e no xuramento -coa man sobre o Libro e Báculo- dicindo:

"Xuro e perxuro, que nunca xurei, xuro nin xurarei, abxurar dos conxuros"

Remátase o bautismo con dúas pingas de augardente sobre a testa do novo diácono-diaconisa e a benvida en palabras do Presidente. Todo o acto acontece perante o padriño (un Cofrade Maior) que avala ó novo diácono.

O comezo e remate das xuntanzas posúe un ceremonial de seu. Na apertura: son de cencerro, todos en pé, mans unidas e berro unísono de Confraría e Ferradura.
O peche realizase: son de cencerro, en pé, copas en alto, e berro unísono: "DE HOXE NUN ANO".
Cada reunión queda reflexada nun Libro de Actas.
No xantar réndese culto especial á carne de porco sendo a soá, os butelos, os chourizos, o lacón con grelos, os cachelos e o viño tinto o nexo de irmandade na despedida dun ano, que agonizante, cede camiño.
O artigo VII, marca a interrelación da Confraría co contexto becerrense e/ou galego e unha das fins para a cal xurdiu. Trátase da elección e nomeamento dun "VILÁN DE HONRA"
..." pode ser candidato calquera cidadán ou entidade que faga ou teña feito algo pola nosa Vila e polas nosas xentes"
Aquelas persoas que acadaran este título pasarían de contado a integrarse na Confraría da Ferradura coa consideración de Confrades Maiores.

Entre as entidades ás que se lle concedeu o galardón temos:
O Departamento de Xestión do Xacobeo 93
A Asociación Cultural ARELA
A Revista A PIPA
A pintora Maruja Roca
O Grupo de Gaitas OS ANXOLIÑOS
A Asociación de Empresarios
A judoka Iria García.
O artesán Edelmiro Castro
O albardeiro Manuel R. Valiño
O utillero Marcial Méndez Trabado
O avó do concello Manuel Díaz Fernández

En síntese, trátase dunha mestura de algarabía e respecto mutuo, na procura do pulo preciso para afrontar un novo ano.
O seu anceio é o da inmortalidade, o do legado intexeracional do noso xeito de entender a amistade, de non permitir que a "chama" do amigo esmoreza polo vivir cotián.
O seu instrumento :
A MESA.
Arredor dela ,entre grolo de viño e bocado de lacón, todos e todas nós estreitamos "lazos".

Becerreá, Nadal de 2002
(Actualización do artigo publicado na revista A Pipa, no primeiro semestre de 1994)