Ferradura. Lembranza de Ramón do Barbeiro

Gabábaste de ser Cervantego, e o eras.
E… ¡a moita honra!
Eras tamén de Becerreá, e de México, e de California.
Por aquilo que así che gustaba dicir:
“Ramón González de Méjico y Pérez de California”
Eras “Ramón de Barbeiro”, eras”Ramón do Rexistro”.
Eras pequeno e eras grande. Eras poeta.
Eras barítono de nacemento, de pluma na gorxa. Alegre por natureza.
Eras indispensable nas “cuchipandas”, nas serenatas, na defensa do Clube de Fútbol de Becerreá- Ti investaches o rexeite de balón, de testa, ao xeito “salto da rá”,
Cando un forasteiro pasaba por Becerreá ou se establecía no pobo, eras dos primeiros que o acompañaban e dirixían aos bos recunchos desta vila, de portas abertas a todo aquel que por aquí se achega.
Eras “sibarita” no comer, no beber, no cantar, no bo humor…
Dicharachero.
Gustábache a solana, pero non a espurgabas ben.
Ramón adouraba a noite e as súas consecuencias. Xamais abandonou aos seus amigos, ata o caso de que nunha ocasión salvou a vida a máis de nove. Aconteceu así:
“Voltabamos dunha laconada en Villarantón, nun Monovolumen (Furgoneta). Eran as tantas. O chófer tamén ceara e os horrores da dixestión adormecíano de tal xeito que eu coido que xiraba o volante cando xa tiñamos feita a curva… Ramón, de pé, collido a dúas columnas que tiña o furgoneto, lanzaba os seus trinos enfocados ás orellas do taxista procurando mantelo con vida. Tomamos terra na rúa de Navia, en Becerreá, e espertamos aos restantes membros que anudados viñan todos atrás, a granel…”
Anécdotas de Ramón ten que haber moitas máis das ue eu coñezo, pero coido poder asegurar que todas, senón graciosas, si positivas.
Contareivos outra que aconteceu unha noite na que fumos darlle unha serenata a unha moza do pobo. Ocorreu así:
“As dúas ou tres da mañá dun verán. Viño fresquiño, guitarra, voces controladas, boleros, bo humor e camaradería.
Nun pequeño alto entre canción e canción soa a voz de Ramón comezando a recitar unha improvisada poesía:
¡¡ OH, LINDA FLOR DEL DESIERTO!!
De súpeto atallámolo ao decatarnos de que lle estaba a chamar:
“CARDO”
Como dixen, hai moitas máis e que algúns dos presentes coñecen e poden relatar “en acabando” eu estaspalabras, que poderían estar mellor hilvanadas, pero non con máis agarimo.
Na súa profesión, sei que foi un bo conselleiro e facedor de favores. Así me consta.
Tivo que irse.
Non puidemos impedilo, pero si podemos evitar que a súa lembranza se esfume e esmoreza na histria deste pobo que aos poucos vai perdendo personaxes entrañables que nos evocan o bo que hai no Ferrado da Vida, que xa vai sendo máis TEGO ca FERRADO.
Daquela, así volo pido e que, ao remate desta leda noite, que así debe ser, se cante por Ramón ofrecéndolle algunha “mejicanada” que outra.
¡ UN ABRAZO, MONCHO AMIGO!… ¿COMO ESTÁS?

Suso de Donato
Decembro de 2002