Ferradura. A nosa historia

En 1989, xorde a Confraría da Ferradura tras a organización dunha cea de amigos co obxectivo de despedir o anovello (léase a acta fundacional que segue):

Acta Fundacional
Zoilo Pardo
Rafael Ramos
Samuel García
Vicente Barrera
Manuel Castro
Antonio Santín
Alberto Fernández
Toni López
Manuel Deiros
Carlos Pereira
Ovidio Iglesias
A. López “Chori”
Bilís Simón
Antonio Cabana
J. Manuel Fdez.
Suso Fernández
Julia García
Rosa Fernández
Chus Celeiro
Maribel Belón
Cristina Borrás
Lola Rodríguez
Carmen Pereira
Yolanda Antela
Margarita Antela
Marga Cadenas
Elena Fernández

Sendo as 22:00 horas do día trinta de Nadal de mil novecentos oitenta e nove reúnese por primeira vez, e nas dependencias do Restaurante “Fonfría” de As Nogais, un grupo de amigos/as vencellado a Becerreá; correndo a organización do evento a cargo de: Zoilo Pardo García, Samuel García Fernández, Vicente Barrera Becerra e Manuel Castro Sánchez.
Acórdase elaborar un Regulamento que normativice as vindeiras xuntanzas; o cal será aprobado no Nadal de 1990.
Tamén decídese bautizar ó colectivo como “CONFRARÍA DA FERRADURA” e nomear cada ano unha persoa ou entidade, por consenso dos creadores da mesma, e que tivera destacado en calquera eido local ou galego (Vilán de Honra).
Nesta primeira Cea cofraternal acórdase outorgar o título de Vilán de Honra 1989 a Rafael Ramos Fernández.

Decídese integralo, para o novo ano, na xerarquía da Confraría como CONFRADE MAIOR, ó igual cós seus fundadores.
Neste mesmo día consensúase a Confraría no nomeamento do PRESIDENTE HONORÍFICO da mesma : D. Eduardo Rosón Pérez.
E non habendo máis asuntos que tratar, e logo de ser apadriñado o Vilán de Honra entrante polo fundador-ideólogo (Zoilo Pardo), dáse por rematada esta xuntanza do cal eu como secretario accidental dou fé.

O Secretario Accidental,
Asdo. García Fdez,. Samuel

Na segunda xuntanza aprobouse o Regulamento da mesma e presentáronse os símbolos da Confraría: o báculo, o toisón e a boina negra xunto co pano ao pescozo.
O deseño e sucesivas reparacións do báculo debéronse a Jesús Fernández “Suso da Feira”. Asemade, o toisón leva pendurada unha figura de pau que representa unha velliña mexando e que foi feita polo artesán Edelmiro Castro.
Todos o novos confrades xuran ano tras ano cunha man posta no báculo, e reciben unhas pinguiñas de augardente mentres len unha pasaxe escrita polo noso veciño Ovidio Villar Janeiro:

Neste íntimo intre da nosa borracheira
lanzamos berros arrepiantes
para manifesta-la nosa éxtase;
cando os nosos corpos
se funden nos episodios
máis extraños da luxuria e
da depravación.

XURO E PERXURO QUE NUNCA XUREI, XURO NIN XURAREI ABXURAR DOS CONXUROS.

Nos anos seguintes fomos medrando ata acadar na actualidade case que un cento de membros.
Atrás quedan catorce xuntanzas das que todos e todas gardamos grata lembranza. Quizais ninguén esqueza xamais a máis emotiva delas, a de 1999, adicada a Edelmiro a título póstumo. Nin poderemos esquecer os fins de festa máis gaioleiros e apaixoantes dos anos 96 e 97. En fin, todas teñen algo de seu que as fai distintas, nin mellores nin piores, pero inesquecibles.

Felicitación do 10º aniversario

Nesta data memorable na cal a nosa Confraría da Ferradura acada o seu décimo cumpreanos alédame fondamente dirixirme a todos vós, Membros desta Grande Orde, para facervos partícipes dos meus parabéns por tan feliz evento.
Todos ben sabemos que o máis salientable do significado das nosas xuntanzas é o sentimento común que se crea arredor dunha MESA, dunha data e dunhas inquedanzas; presididas sempre polo amor á terra de Becerreá e ó bo facer da súa xente.
Co agoiro dun longo mañá, xeración tras xeración, recibide o meu saúdo máis sinceiro e que o vindeiro ANO 1999 sexa do mellor para todos e todas.

Unha entrañable aperta.
Becerreá, a 30 de Nadal de 1998