Valdavara, un legado prehistórico

Novas: 

A finais dos 50, un mozo de Becerreá apaixonado pola arqueoloxía, Carmelo Alonso, descubría un xacemento nunha cova de Cruzul. Xa no novo milenio, sería a súa filla Susana quen a escavase nunha historia na que os restos e os soños venceron o tempo.

Fuente: EL Progreso NIEVES NEIRA 26 ABRIL 2021

Carmelo Alonso falaba co xeito que teñen os camiños de dobrarse para avanzar nos montes de Becerreá. Dando xiros e arrodeos, fiel á vida mesma, que tantas voltas dá. Cal collería para unir os puntos desta historia? Para ir á Cova de Valdavara, cando era mozo, ía polo difícil, o que rube monte arriba dende Cruzul. Foi el quen, con apenas quince anos na década dos 50, descubriu o xacemento arqueolóxico nese lugar con Juan Neira Torviso, o compañeiro de expedición e amigo en letras maiúsculas que coñecera cando estudara o bacharelato en Lugo.

Para os medios da época e como arqueólogos afeccionados, fixérono bastante ben. Nunha caixa gardaron o material atopado, coas indicacións da profundidade á que atoparon cada peza, segundo conta hoxe Susana Alonso, que dende o 2007 ao 2014 codirixiu —con Manuel Vaquero— as distintas campañas arqueolóxicas no lugar. Até aquí, todo ben. Porén, e sen rodeos, Susana é a filla de Carmelo. Décadas despois daquelas incursións, a arqueóloga que liderou as escavacións que atoparon o fósil humano máis antigo en Galicia é filla daquel mozo de Becerreá que soñaba con ser arqueólogo. Os restos resistiron ao tempo e os soños ás voltas da vida.

Susana nunca imaxinara tal cousa. Ela o que quería era facer Belas Artes. Xa fora admitida en Barcelona, pero deixar Tarragona, onde a familia vivía dende o 1987, non era tan doado. Por iso matriculouse un ano en Historia na universidade tarraconense Rovira i Virgili, coa intención de, o ano seguinte, convalidar algunha das materias. E foi así que acabou nas aulas de Prehistoria, que impartía naquela altura Eudald Carbonell, codirector das escavacións de Atapuerca. Un día daquel curso de 1999, ela díxolle: "Teño esta caixa con material que sacou meu pai dunha cova en Galicia". El respondeu: "Pois termina a carreira, e a escavas ti". "Eu díxenlle que non, que marchaba a Barcelona, que non me ía dedicar a isto. E aquí me ves", conta hoxe Susana. "Procuro non ter moitos plans para a vida para non atrapallar os plans que a vida poida ter para min", dicía o filósofo portugués Agostinho da Silva. Por sorte non, neste caso non os atrapallou.

PRIMEIRA VOLTA. Susana acabou a carreira, colleu experiencia, e atopou outro camiño para chegar a Valdavara, por arriba, evitando esa subida polo monte pecho. "É curioso, porque meu pai si levou aos meus irmáns á cova de pequenos, pero a min non, eu que máis tarde a escavaría", conta.

Coma tantos outros tesouros, aquela caixa gardouse no faiado da Casa de Ameixide, xunto cunha compilación de selos e a colección enteira de historietas do Capitán Trueno, que a Carmelo tanto lle gustaban. Foron precisamente os cómics o que, nunha tarde de verán, foi buscar o seu fillo, cando atopou a caixa.

Dentro, había material lítico do sondaxe, ferramentas de pedra que, segundo sabería o equipo conformado por investigadores do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) e da Universidade de Santiago, pertencían ao período magdaleniano do Paleolítico superior. Cuarzo, cuarcita, algún óso e sílex. "En Galicia hai moi pouco sílex, por iso cando se atopa é unha alegría", di Susana. Abriuse así a historia coma matrioshka, ben engarzada en vaíñas de tempo: a caixa, o faiado, a cova e tamén, por suposto, o desexo.

Naqueles anos 50, Carmelo camiñaba coa arte coa que máis tarde falaría. As súas voltas fixéronlle coñecer os montes de Becerreá palmo a palmo. Toda a veciñanza tivo que ir sacalo da cova da Venta, que se fixo accesible coa construción da Nacional. Nada, que o rapaz non aparecía, e onde ía estar entón Carmelo? De alí sacou unha osamenta de oso que levou ao Museo Provincial de Lugo, onde abonda o patrimonio arqueolóxico doado por el. A paixón era compartida. El e Juan querían ser arqueólogos. "Tiñan todas as covas prospectadas", comenta Susana.

Ese mundo xa lles gustaba, pero a chegada de Gero Dietrich e Heiner Hagelskoimp a Becerreá non fixo senón avivar o lume. Os dous xeólogos, que elaboraron as cartas xeolóxicas da zona, hospedábanse na mesma Casa de Ameixide naquel tempo en que andaron entre O Courel e Os Ancares para facer a súa tese sobre as Calcarias de Vegadeo, o sistema de covas ao que pertence Valdavara. Naquel tempo, en Alemaña estudábase español, e o seu director académico quedara prendado de Galicia anos atrás. Eles tamén. Carmelo e Juan eran excelentes guías, pero tamén amigos, e non foron os únicos.

Da paixón destes mozos polos seus "antepasados homo sapiens", como escribiu un día Juan, hai un bo feixe de cartas. Queríanse ben, e por iso sabían lembrarse un ao outro o entusiasmo. Planeaban exploracións polo "país dos Ancares". Contábanse historias de heroes. E persistían naquel desexo: escavar Valdavara. Animado polos alemáns, Carmelo marchou ao país xermano, e preparou o acceso á universidade para estudar Arqueoloxía mentres traballaba. Pero un accidente obrigouno a regresar. Anos despois, poñería o nome de Juan a un dos seus fillos, na memoria daquel amigo que tan cedo lle morreu. O camiño semellou truncarse. A caixa de Valdavara ficou nun faiado. Noutro lugar máis impreciso do corpo ficaron moitas outras cousas.

AS CURVAS. Por sorte, o desexo é curvo, circular cando a súa potencia é grande. Preto de cincuenta anos despois de ver frustrada a súa vocación, Valdavara volveu a Carmelo, e Carmelo cumpriu o seu soño de escavar a cova. "Foi un subidón de adrenalina moi grande para el", conta Susana. Os primeiros anos prospectou o lugar xunto coa súa filla e o resto de investigadores. Polo camiño fácil ou difícil, tanto tiña, Carmelo sempre chegaba a cova. E os últimos, cando a artrose xa apretaba demasiado, traballaba no laboratorio que o equipo dispuxera en dúas aulas da antiga escola de Becerreá, cedidas polo Concello.

Como non ía dar voltas a historia, se alí, fronte a el, a súa terra emerxía coma sabana africana ao ritmo no que limpaba os restos de hiena, leóns, leopardos ou rinocerontes de hai 120.000 anos? Como non ía merecer voltas a caixa, se en Valdavara aparecía o fósil humano máis antigo de Galicia, un dente de leite que talvez perdese un rapaciño dunha dentada hai 17.000 anos? Voltas e voltas como as que deron aqueles "antepasados homo sapiens" dos que falaba Juan, polas marxes do río Cruzul e do río Navia até a costa, como lle mostraban esas contas de colar feitas con animais mariños? Como non arrodear, desviarse e xirar para contar todo aquel tempo sostido nas mans?

Nunha vitrina da casa, Susana Alonso garda unha postal, que Juan enviou a Carmelo cando este facía o servizo militar obrigatorio nas Canarias. Dous arpóns magdalenianos decorados, unha postal que o amigo comprou nun museo de arqueoloxía en Santander. Eles querían atopar algo así en Valdavara. "Cando atopei esta postal, pensei que se cumprira. Non atopamos arpóns, pero si unha azagaia decorada con motivos oculados", conta Susana.

Carmelo morreu no ano 2014, cando rematou a última campaña de escavación. A cova ten, de feito, o nome que el lle puxo, pero esa é outra historia. Haberá que seguir dando voltas por Valdavara.

O nome da cova fai referencia a Benjamín de Valdavara, nela fuxido na guerra
O home que deu nome á cova apenas deixou rastro nela. Benjamín González, da Casa de Valdavara, vivía preto da ponte de Cruzul, nunha edifi cación que inda hoxe existe. Dícese que cando foi o golpe de estado fascista no 1936 era tesoureiro do Partido Socialista nun Becerreá gobernado por Rudesindo Fernández Vilor, de Izquierda Republicana, un dos moitos alcaldes paseados en Lugo. Tesoureiro ou non, tiña razóns para fuxir ao monte para sobrevivir ao terror represivo na zona, que segundo o proxecto Nomes e Voces deixou orfas alomenos 64 familias no concello, con algún dos membros represaliados.

A cova, conta hoxe o neto de Benjamín, Fernando Gómez Ares, "estaba moi cerca da casa, pero ben agochada", indica. O seu avó tamén coñecía palmo a palmo o territorio, pero por motivos ben diferentes aos de Carmelo e Juan. Fernando oíulle moitas veces narrar unha fuxida ante a Garda Civil, que logrou polos sumidoiros. Porén, non foi só a habelencia no monte a que o salvou, senón tamén o silencio da súa muller, que recibiu malleiras dos fascistas que lle deixaron secuelas de por vida por non dicir onde estaba agochado o seu home, segundo conta Fernando. Iso é do pouco que sabe este neto, a pesar de querer tamén limpar do silencio os restos da memoria. O avó, coma tantos que viviron a represión, non falaba demasiado.

Susana soubo de Benjamín por Carmelo, que chamaba ‘a de Valdavara’ á cova onde se agochara o seu veciño. Ela non puxo en dúbida esa memoria, pero a pericia de quen era o zapateiro de Cruzul foi ben grande. "Nós podemos distinguir o paso por un lugar de neandertais, de magdalenianos, de medievais. Pero Valdavara preocupouse moito de non deixar rastro", conta Susana. Unha pericia do tamaño do medo, da que só escorregou un botón de madreperla. Poucos coñecían esa cova de entrada ben estreita, soubo Susana pola prospección, na que si atopou o cravo e a lata das que se serviron Juan e Carmelo para facer a sondaxe.

JERÓNIMO E O MOI ILUSTRE SR. OZMÍN

Difícil saber, depois de ler as cartas entre Juan e Carmelo, que caixa alberga o tesouro maior, se a do material lítico ou a do papel e sobres que intercambiaban, sobre todo cando Carmelo facía o servizo militar obrigatorio "en tierras guanches" e Juan botaba de menos as galegas nas milicias universitarias en Zamora.

Susana Alonso garda as que Juan enviou ao seu pai. Dirixidas sempre "al muy ilustre Sr. Ozmín" ou inda ao "magno y clarividente Ozmín", están asinadas por "Jerónimo", que ás veces Juan escribía en cirílico, fiel á súa etimoloxía do grego antigo, pero se cadra máis vencellado co último xefe dos apaches libres, que era como debían sentirse eles nesa amizade.

Cóntalle Juan a Carmelo nunha misiva que poucos permisos tivera para volver a Galicia, pero que cando o facía "pasaba por las tierras de Becerreá y recordaba nuestros buenos tiempos y hacía voto solemne de escribir a VM. Pero al volver al campamento dejaba de ser Jerónimo para convertirme en el número 45 de personalidad diferente". Nunha carta Juan animaba a Carmelo "a aprender alemán como un enano y luego a estudiar piedrecitas y pedruscos, que es lo que necesitas". Noutra afirmaba gustarlle a idea de "medir 'la chimenea', aunque no tengo ni idea de cómo se podrá llegar allá abajo, aunque de vez en cuando trato de pensarlo, la carencia de medios es lo peor. Serían interesantes nuevos sondeos". En galego, no 64, dícelle: "Supoño que imaxinarás traballar nas covas de Valdavara, e ver se atopas máis. Tamén pensarás en recorrer os camiños e facer esas viaxes ás terras das que tanto falamos: Ancares, Cervantes... Xa veremos si eu poido te acompañar n´iles".

RESTOS APARECIDOS.

"Esperando que pronto encontremos nosotros unos parecidos en Valdavara", escribiulle Juan a Carmelo nunha postal que mercou nun "pequeño pero bueno" museo de prehistoria en Santander "donde pude ver pedruscos de todo género, huesos, cristales, pinturas, etc. Y allí se produjo el milagro, acordeme de VM y me propuse volver a establecer contacto con vos. Vi una fermosa fotografía de dos arpones y merquela con ánimo de mandárosla. Supongo que os gustará". Nesta imaxe, a industria ósea atopada en Valdavara nas escavacións codirixidas por Susana, equiparable aos arpóns.