O XVI Certame Literario “A PIPA” 07 da Alta Montaña Luguesa celebrarase o sábado 29 de decembro, ás 21 horas na Casa da Cultura de Becerreá, farase a Cerimonia de Entrega de Premios, da man do dramaturgo Manuel Lourenzo, Premio Nacional de Literatura Dramática do Ministerio de Cultura, e un dos nosos máis brillantes e prolíficos autores. A data límite, como veredes nas Bases que se vos adxuntan, remata o 22 de decembro. Será no marco da XV Noite Poética A PIPA 07 con Manuel Lourenzo. Na que tamén se representarán dúas pezas breves da súa autoría: A VELADA DE LONDRES e a escena cómica titulada A PROBA, ambas dirixidas por Afonso Becerra de Becerreá e interpretadas por Laura Cuervo e Alberte Bello.
Nestes actos programados para o Nadal, tanto o Certame Literario como a Noite Poética, contamos co patrocinio e colaboración do Concello de Becerreá, as delegacións provinciais das Consellerías de Vicepresidencia e de Cultura, a Deputación Provincial de Lugo e o CDG (Centro Dramático Galego).
BASES:
XVI Certame Literario “A PIPA” 07 da Alta Montaña Luguesa.
Bases.
1. Temática.
O tema é libre.
2. Tres categorías.
2. A.- CATEGORÍA INFANTIL (Dos 8 ós 14 anos)
2. B.- CATEGORÍA XUVENIL (Dos 14 ós 18 anos)
2. C.- CATEGORÍA Revista “A PIPA” para maiores de 18 anos.
3. Dúas modalidades.
3. A.- POESÍA (máximo 50 versos)
3. B.- RELATO, NARRACIÓN OU CONTO breves (máximo 5 folios)
4. Os premios.
Para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º Premio de Poesía, e tamén 1º e 2º Premio de Relato, mailos ACCÉSITS que o Xurado considere necesarios.
Cada premio consiste nunha estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e o correspondente título acreditativo. A Asociación Cultural “A PIPA” non descarta que os traballos premiados poidan ser editados nun futuro.
5. Presentación e Prazo.
5. A.- Cada participante poderá presentar un ou máis traballos, en LINGUA GALEGA.
5. B.- Os traballos presentaranse anónimos, sinalando neles a CATEGORÍA e MODALIDADE na que participan, e adxuntando nun sobre pechado a identidade, o enderezo e o número de teléfono do/a autor/a.
5. C.- O prazo de admisión rematará o 22 de decembro de 2007.
5. D.- Os traballos poden entregarse, ou envialos ó seguinte enderezo: Certame Literario “A PIPA”. Rúa Ancares, 57. – 27640 Becerreá (Lugo).
6. O Xurado. O Fallo.
O Xurado estará composto pola Xunta Directiva da Asociación Cultural “A PIPA” de Becerreá, que tamén convidará a algún profesional do mundo do Ensino, da Literatura e das Artes.
O fallo farase público a través dos medios de comunicación, e tamén se transmitirá persoalmente ós/ás gañadores/as.
7. A Cerimonia de Entrega de Premios.
A Cerimonia de Entrega de Premios terá lugar o sábado 29 de decembro, ás 21 h. na Casa de Cultura de Becerreá, no marco da XV NOITE POÉTICA “A PIPA”07 CON MANUEL LOURENZO. Neste acto, ademais da entrega dos galardóns, farase unha homenaxe ó dramaturgo máis senlleiro e prolífico da cultura galega e do seu teatro. Contaremos coa asistencia do propio Manuel Lourenzo, e gozaremos da súa verba escénica. Ademais asistiremos á representación teatral de dúas pezas breves do autor: A velada de Londres, de Veladas Indecentes, que lle valeu o Premio Nacional de Literatura Dramática no 1997, e a peza titulada A proba, de Eclipses, ambas dirixidas por Afonso Becerra de Becerreá e interpretadas polos actores Laura Cuervo e Alberte Bello. O acto clausurarase cun cóctel.
Asdo. Amparo Becerra Arrojo.
Coordinadora de actividades da A.C. A PIPA.
Asociación Cultural A PIPA de Becerreá (Cif. G.27181825)
Rúa Ancares, 57 – 27640 Becerreá (Lugo)
Tels. 654782286 – 658356015 – 982360113