Un párroco alerta da oleada de roubos en igrexas das Nogais e Becerreá

Fonte: El Progreso (19/08/2008)
-Os ladróns rompen portas e ventás para entrar nas igrexas e roubar os cepillos que, case sempre, suben dos 40 euros de recadación
-Os saqueos ocasionaron estragos por valor duns 5.000 euros en cinco templos
-O cura pide que cesen os «saqueos», xa que están asustando aos veciños das parroquias
Anxo Eiriz, párroco das igrexas de seis parroquias das Nogais e Becerreá, denuncia unha oleada de roubos nas últimas semanas en cinco dos templos nos que el misa.
O cura informa de que estes actos vandálicos tamén se están dando noutras parroquias dos concellos de Cervantes e Baralla, aínda que non coñece de primeira man os estragos que están sufrindo.
As igrexas de San Xoán de Torés, San Pedro de Quintá e Santa María Magdalena das Nogais —nas Nogais—, e San Xulián de Morcelle e San Xoán de Augueira —en Becerreá—, están soportando importantes destrozos nas portas e ventás, debido a que os ladróns forzan estas entradas para poder acceder ao interior dos templos.
Os cálculos feitos polo párroco e polo Concello achegan números significativos xa que o valor do conxunto de estragos dos cinco templos ascende a máis de 5.000 euros. Anxo Eiriz explica que algúns dos desperfectos costará solventalos uns 1.000 euros.
Ademais de ter que facer fronte aos distintos destrozos, as igrexas están vendo como desaparecen os cartos recadados nos cepillos grazas ás aportacións dos crentes.
Trátase de cantidades que, na maioría dos casos, superan os 40 ou os 50 euros.
O párroco expresa o seu malestar con esta situación e recórdalles aos «saqueadores» das igrexas que os cartos que atopan nos templos
son de xente moi pobre que vive en condicións duras. Ademais, o cura asegura que o diñeiro recaudado é utilizado para pagar os gastos de luz e arreglos de goteiras ou para axudar a xente necesitada, algo para o que agora destinarán menos diñeiro por ter que acometer os amaños dos desperfectos.
O párroco di non entender «que haxa quen non respecte os locais sagrados, que son o valor máis grande para o pobo». Anxo Eiriz non coñece a identidade dos ladróns pero «seguramente son mozos de familias en situacións difíciles, que sufren desintegración educativa, ou outros problemas», supón. «Non collades o diñeiro dos máis pobres, non dilapidedes a arte e non asustedes á xente», rógalles o párroco.
Anxo Eiriz entende que estes actos vandálicos están asustando á xente e provocando que veciños non se sintan seguros á hora de saír á rúa, sobre todo de noite.
O párroco explicou que non fixo unha denuncia porque non ten a quen acusar pero, con todo, si que lles comunicou ás forzas policiais o que acontece para que haxa un maior control polas noites.