Fonte: La Voz de Galicia (27/02/2007) (Firma: Fernanda Follana | Lugar: becerreá) Algo máis de vinte persoas celebraron o pasado sábado en Becerreá unha xornada de homenaxe á figura do intelectual nacionalista Fuco Gómez, nado na parroquia de Ouselle (Becerreá) no 1895. |
O programa comezou cun roteiro duns 15 kilómetros con inicio e fin na casa familiar de Fuco en Ouselle, onde se descubriu unha placa na súa memoria. Os participantes prantaron tamén dúas árbores xunto á igrexa, a carón da pena que tamén na súa honra se colocou hai algúns anos.
Acercamento
Entre os actos que pretendían lembrar a figura de Fuco e acercalo aos seus veciños, tivo tamén lugar na tarde do xoves unha charla no IES de Becerreá.
A pesar de que Fuco Gómez é un personaxe moi coñecido en círculos nacionalistas, non o é tanto entre os becerrenses, que apenas participaron nos actos.
Incluso o Concello de Becerreá non autorizou que se lle puxese o seu nome a unha rúa en Ouselle, por tratarse «dunha persoa descoñecida» segundo apuntaron fontes da organización.
Publicacións
Fuco Gómez escribiu case medio cento de obras editadas, dirixiu a revista mensual Patria Galega , entre os anos 1941 e 1960.
Asimesmo defendeu a independencia de Galicia dende un nacionalismo radical. Estivo emigrado en Cuba gran parte da súa vida, onde morreu no ano 1972.