De Becerreá saen «os únicos queixos feitos con mel de Galicia»
FONTE: MARÍA GUNTÍN / LA VOZ 18/12/2020
Borja Reimóndez ten 24 anos e tomou a decisión de quedar a vivir no seu lugar natal, que se chama Narón e pertence a Becerreá. Aquí, nunha zona de montaña na que é fácil perderse, naceu hai dous anos a Queixería Estevo. É unha iniciativa da súa nai, que busca dar valor engadido ao leite da súa gandeiría e, dese xeito, favorecer que o seu fillo poida cumprir o seu desexo de vivir na e da aldea. Para poñer en marcha este proxecto, a familia que reside na casa que leva o nome desta empresa reformou a súa antiga cociña para ter a man todo o necesario. «Isto é un complemento á gandaría. Nós temos sobre 40 vacas de leite», explica Pilar, nai de Borja, que tamén conta que se quixeran, poderían facer sobre 20 kilos de queixo ao día. Cada un deles pesa 500 gramos. Polo momento, nesta queixería aínda non alcanzaron estas cifras de producións. Do leite que se produce nesta gandaría, o 10 % destínase a facer artesanalmente os queixos frescos. Como particularidade, tamén fan un derivado lácteo a base de mel dos Ancares, «que non é o mesmo que botarlla por riba», precisan. Deste recuncho da provincia de Lugo podería saír o único queixo feito con base de mel de toda a comunidade galega, «e ata do mundo», engade o pai de Borja, cabeza da gandaría. Pola contra, a queixería é unha iniciativa da nai do rapaz, que se chama Pilar. Pero se algo sacan en claro os dous é que a meirande parte do seu esforzo é para que os seus fillos —Borja ten unha irmá á que, confesa, non está demasiado interesada en facer vida no mundo rural— teñan un futuro na aldea na que naceron. «QUERO VIVIR AQUÍ»«Estiven vivindo en Lugo mentres estudaba. Fixen dous ciclos relacionados co medio rural e agora estou facendo outro, pero en Becerreá, no Instituto de Formación Profesional de Alta Montaña. A min gustaríame quedar aquí», explica Borja, que tamén confesa que se sinte moi afortunado. É consciente de que hai mozos novos que queren emprender no rural e que requiren dun gran presuposto para poñer en marcha os seus proxectos.
Esta familia coida do gando, fai os queixos e tamén se encarga da distribución e comercialización dos mesmos. O que ven sendo un todo en un. Pero segundo explican, o produto véndese só. «O que mellor funciona é o boca a boca», explica Pilar, que tamén conta que a meirande parte dos queixos van parar ás aldeas da zona, aínda que tamén chegan a supermercados, restaurantes e tendas locais dos pobos máis próximos. Borja pon a vista no futuro e non descarta ampliar a produción e o negocio que crearon seus pais. Por iso tamén está tratando de mellorar a xenética das vacas e orientala cara a unha mellor produción de queixos. Estee rapaz leva tamén as redes sociais desta queixería, que ten Facebook e Instagram. Polo momento, confesa que debe recargar as pilas para conseguir máis seguidores.
Alternativas para servilo: con kiwi, chocolate, caramelo, azucre ou nocesEste queixo fresco casa perfectamente e como era de esperar co marmelo como acompañante, pero tamén, comenta Pilar, se toma con kiwi, caramelo, azucre ou chocolate. «Nós comémolo cunha tosta de pan para almorzar e noces picadas», explica. O proceso de elaboraciónO proceso que concorre dende que o leite sae da vaca e ata que o queixo fresco chega ao supermercado é completamente artesanal e ten lugar nesta aldea.
O queixo faise a base de iogur e non leva callo. É dicir, cero química. «É tipo requeixo, untable, e nada ácido», puntualiza Pilar. Primeiro, mestúrase unha determinada proporción de iogur co leite. Horas ou días despois, posto que ten que escorrer, chega o momento do amasado manual que permite que teña unha textura uniforme. É aquí cando, de ser preciso, hai que botar o mel. Deseguido, o queixo pasa ao molde e prénsase. Ao cabo dunhas horas, sácase de alí e introdúcese nun plástico específico para alimentos. Por último, o produto é envasado ao baleiro. Agora si, xa está listo para consumo. O coronavirus, lonxe«Aquí illados estivemos sempre. O coronavirus quédanos algo lonxe», comentan os integrantes desta familia entre risas, dende esta aldea da montaña lucense, cun proxecto entre mans que, o tempo dirá cara a onde evoluciona. Pilar agarda ver como o seu fillo continúa cun legado que, admite, moito lle custou levantar.