Artigo 1
"DA AMISTADE"
Esta Confraría constitúese como un grupo de persoas vencelladas á Vila de Becerreá, demócratas e liberais, que só perseguen o obxectivo de colaborar no fortalecemento dunhas relacións de amistade; e que propugnan como valores superiores do seu movemento ó longo dos anos: o bo comer e o bo beber.
Artigo 2
"DOS DEREITOS E LIBERDADES"
Tódolos membros da Confraría son iguais cando se sentan na mesa da esmorga sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, sexo, raza, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
Artigo 3
"DO DIA DA XUNTANZA"
A "Confraría da Ferradura" reunirase, alomenos, unha soa vez ó ano e sempre en data 30 de decembro ás 22:00 horas.
Artigo 4
"DA PRESIDENCIA"
a) O presidente da Confraría é o símbolo da súa cohesión e coherencia, arbitra a capacidade de comer e beber, modera as actuacións dos presentes despois de cada esmorga e exerce as relacións públicas do grupo.
b) Logo da morte ou renuncia do presidente, o Escriba ou Chamán proporá o candidato ou candidatos para que sexa elexido o novo presidente polos Confrades Maiores, por unanimidade.
c) O candidato ou candidatos terán que ser propostos entre os membros da Confraría, co apoio de alomenos a décima parte dos diáconos e diaconisas.
d) No caso de ausencia, vacante ou enfermidade do presidente terá a máxima responsabilidade o vicepresidente; ou, no seu defecto, o Confrade mási vello.
Artigo 5
"DO VICEPRESIDENTE, DO ESCRIBA E DOS CONFRADES MAIORES"
a) O Vicepresidente asumirá as funcións de Presidencia nas circunstancias que recolle o artigo 4, apdo. d).
b) O Confrade Maior máis vello asumirá as funcións de Presidencia ou Vicepresidencia cando se ausentaran ambos.
c) Ámbolos dous gozarán de tódalas prerrogativas do Presidente.
d) No caso de renuncia ou morte será nomeado vicepresidente, de xeito automático, o Confrade máis vello.
e) No caso de renuncia ou morte do Escriba ou Chamán será elexido o seu sucesor por acordo das dúas terceiras partes dos Diáconos e Diaconisas entre unha terna presentada pola Xunta de Notables. Esta terna será elexida a bo ollo ppola xunta antedita.
Artigo 6
"DOS MEMBROS"
a) Só se poderá ingresar na Confradía como Diácono ou Diaconisa a proposta dun Confrade Maior e de acordo cos demais.
b) Unha vez dada a aceptación por unanimidade dos Confrades Maiores, o novo membro da Confraría terá que pasar o día da xuntanza pola seguinte situación:
- Lectura dunha pasaxe da literatura erótca universal.
- Prestar xuramento cunha man no báculo, e a outra sobre o presente Regulamento.
- Bautismo con dúas pingas de augardente sobre a testa.
Artigo 7
"DO VILÁN DE HONRA"
a) Será nomeado polo Presidente a proposta do Escriba ou Chamán e co consentimento dos Confrades Maiores.
b) Pode ser candidato calquera cidadán ou entidade que teña feito algo salientable a prol da nosa Vila e das nosas xentes.
c) A eleición farase por sufraxio democrático, e tralo escrutinio das papeletas depositadas por tódolos membros da Confraría.
d) O Vilán de Honra electo pasará a formar parte da Confraría da Ferradura.
e) O Toisón será transferido polo Vilán saínte ó Vilán entrante; a petición do Presidente e perante toda a Confraría.
Artigo 8
"DO XURAMENTO NO BAUTISMO"
"Xuro e perxuro que nunca xurei, xuro nin xurarei abxurar dos conxuros"
Artigo 9
"Da XUNTA DE NOTABLES"
a) Estará presidida polo Presidente da Confraría e integrada pola totalidade dos Confrades Maiores.
b) As deliberacións da Xunta de Notables terán o carácter de segredas.
c) Quen incumpra o antedito perderá a condición de Confrade Maior e terá a obriga de "apoquinar" coa totalidade dos gastos de bebida na data da xuntanza. No caso de pagar (e sen que sirva de precedente) os confrades deliberarán encol da súa readmisión.
Artigo 10
"DOS SÍMBOLOS"
a) O símbolo identificativo principal é a FERRADURA.
Símbolos identificativos secundarios: o TOISÓN e o BÁCULO.
b) Os Confrades Maiores serán distinguidos por un PANO NEGRO ó pescozo e BOINA NEGRA con rabo.
c) Os Diáconos e Diaconisas terán un pano dunha cor diferente según o ano de "osadía".
Artigo 11
"DOS COMEZO E DO REMATE"
a) O comezo da xuntanza correrá a cárrego do Escriba ou Chamán coa autorización do Presidente. Consistirá en:
- Son de cencerro.
- En pé, as mans unidas.
- Ó berro de "CONFRARÍA" dado polos Confrades Maiores, respostarán todos cun berro unísono de "FERRADURA".
b) O remate da xuntanza consistirá en:
- Son de cencerro.
-En pé todos, coas copas de cava en alto.
- Berro unísono: " DE HOXE NUN ANO"
Artigo 12
"DO COMENSAL OCASIONAL"
Previo permiso de viva voz do Presidente, calquera membro poderá ser autorizado a ser acompañado dalgunha persoa da súa estima e previo pago da parte alicuota correspondente.
Disposición Derogatoria
Queda derogado, a partires do 30 de nadal de 2000, o apartado “c” do artigo 10 referido aos símbolos da confraría
O apartado “b” queda redactado como segue:
b) Toda a Confraría da Ferradura será distinguida con un pano de cor negra ao pezcozo e boina negra con rabo, sendo obrigatorios ámbolos dous para poder asistir a calquera das xuntanzas.
Disposición Derogatoria
Queda derogado, a partires do 30 de nadal de 2001, o artigo 3 do Regulamento desta Confraría referido a “Data das xuntanzas”
A nova redacción queda como segue:
A confraría da Ferradura reunirase, alomenos, unha soa vez ao ano e sempre no derradeiro sábado do mes de decembro, agás que coincida en data 24 (Noiteboa) ou 25 (Nadal). Daquela establecerase a nova data, por maioría, na xuntanza anterior da Confraría.