Polo tempo de Noiteboa ceabamos en familia e o menú consistía, nos mellores anos, nun polo asado ou carne de porco e, se cadraba, bacallau con coliflor ou repolo. ¡A verdade é que a fame ten sido moita! Tamén tomabamos de postre: unhas noces, unhas mazás e algunhas castañas. De seguido viña o momento apaixoante dos contos, bromas e cantigas arredor da lareira.
Era unha noite de lembranza dos familiares defuntos e os nosos pais tiñan a crenza de que o pan sobrante da cea de Noiteboa endexamais barolecía.
Preto das doce da noite saiamos cara á Misa do Galo á que iamos facer trastadas e cantar, máis alto ca baixo, vilancicos. Unha das bromas era a da cebola brava: untabamos ás mozas, pasándollas por diante e elas botábanse a chorar. Daba gusto oilas cantar vilancicos coas bágoas corréndolles polas meixelas. ¡Eramos o demo!
Á saída seguíamos de troula, todos a cantar, a beber e a namorar polos camiños da aldea deica altas horas.
Chegados ao día de Santos Inocentes (o 28 de decembro) era o seguinte festivo porque as xentes traballaban o menos posible xa que tiñan medo a un castigo diviño.
Pero o máis atraínte para os mozos e mozas era a noite grande de Anovello e Aninovo. Os días que ían do 28 ao 31 os mozos por unha banda e elas pola outra, argallaban os seus “ANOVELLOS”. Estes eran uns monecos de palla vestidos con roupa vella que na noite do 31 tentábanse achegar, sen que ninguén se decatara, ás portas da casa daqueles veciños onde se sabía que tiñan fillas mozas, mesmo se penduraban na póla dalgunha árbore diante dunha ventá da casa para seren vistos xusto ao erguerse da cama. Os que alí vivían estaban pendentes de que isto non acontecera. De feito, lembro que unha noite apoiamos o anovello na porta dun veciño,con moito tento; pero… oíronnos, e a nai das rapazas colleuno para adentro e meteuno ao lume. Había pais que non se deitaban, sempre a vixiar para non verse sorprendidos e bulrados. Se ao mencer do día de aninovo se escoitaba barullo de latas, vidros, e risadas a fartar diante dalgunha casa significaba que lles “meteran o anovello”.
Na mesma noite aproveitabamos para “prender os Manueles”. Consistía en espertalos a altas horas da noite e convidalos a un grolo de anís ou augardente, daquela o Manuel quedaba en débeda connosco e tiña que convidarnos a xantar algo no día seguinte.
Comprenderedes pois que as horas seguintes fosen para nós tempo de sono e descanso.
Despois e deica o día de Reis todo voltaba á normalidade, compría traballar e axudar na casa. Pero a monotonía voltaba romper na noite do día 5, véspera de Reis. Saíamos polos camiños a “cantar os reises” e de porta en porta, tanto mozos coma vellos con cestas e sacos na man, amoreabamos tódolos agasallos que nos ían dando: ovos, chourizos, poucos cartos, bebidas, pan,… E aos que nada nos daban cantabámoslles os “guedellos de cabra”:
Cantámosche os reises
guedellos de cabra.
Cantámosche os reises
e non nos deches nada.
Somos os reises do quiquiriquí,
se non nos das nada
cagámosche aquí.
Días despois faciamos un xantar colectivo coas aguinaldos do Día de Reis, pois daquela os Reis Magos eran moi pobres e non nos deixaban agasallos. Con sorte agasallaban un chourizo ou un carriño de madeira, ou unha moneca de farrapos.
Lembro que o día 6 de xaneiro despediamos o Nadal cun baile amenizado polo acordión de Manolo, o “Cego da Preira”.
Manolo Deiros e María Fernández
[Casa do Serrano]