SUSO, os teus veciños queremos lembrarte do xeito máis agarimoso, cun sorriso de complicidade, porque só a complicidade e o sorriso poden abrir, coma brazos, os espacios da diferencia que, desde a túa especial sensibilidade, inauguraches nesta vila recia da montaña.
O que asina estas letras pensa en ti coma un desterrado que habitou ás marxes do “normal”, daquel que fendeu a lousa do “ser coma Deus manda”, porque o teu era puro teatro, e contra o prexuizo reinante nas avesas testas proclamaches a túa diferencia con ledicia e arte, supoño que a amargura quedaba gardada para o íntimo, mentres te transformabas en ménade de purpurina e contoneo para entonar: ¿A quién le importa lo que yo haga?, ¿a quién le importa lo que yo diga? ¡Yo soy así y así seguiré, nunca cambiaré!
Hoxe, ante a túa ausencia calada, pídolle a todo este indómito comilorum becerrense da Ferradura, que peche os ollos un intre, e lembre a túa gracia, e pido tamén para ti, Suso de López, o aplauso máis indómito que poidamos dar.
Afonso Becerra de Becerreá
Becerreá, Inocentes 2002