HELENA VILLAR JANEIRO ESCRITORA
El Correo Gallego (05/02/2010)
Arredor dos Ancares hai toponimia abondosa referida a castelos: Castelo (Becerreá), Castelo, de Frades e de Cais, (Cervantes), Castelo (As Nogais) e Triacastela. Hai tamén vestixios das torres de tres: Doiras (Cervantes), Doncos e Torés (As Nogais). Esta última disque anda ameazada pola execución dunha estrada secundaria coa que se quere mellorar a comunicación das Nogais con Becerreá. A torre data do século XV, ten perdidas xa varias ameas e está entre a poula. Faime certa graza que non haxa maneira de desviar a estrada con tanto territorio por diante. Pero ao que imos, a que Deus salve a torre de Torés, que toda protección é pouca para unha comarca que tende á despoboamento e precisa portección da riqueza paisaxística, ecolóxica e cultural aínda que só fose por promoción turística de calidade.
Non teño estado en Torés, de quen coñezo a paisanía pola clientela de meu pai. Pero teño noticia literaria -se cadra lendaria, debería dicir para ser máis precisa- da parroquia e doutras parroquias e lugares non moi afastados. Desde aquela matriarca de Coterces, nai de 24 fillos varóns, que lles preguntaban ao volveren das festas: "¿A cantos matastes hoxe?", á dun vello fidalgo de Meizarán vido a menos que facía amecer aos apelidos herdados un honroso "y Cadórniga". Por iso, deixándome levar pola máis vella das nosas lendas, a da cerva abatida, sei que desde a torre de Torés vixiaba Ero as montañas dos Ancares case ata albiscar Doiras onde vivía Aldara, irmá de Egas e filla de Froiaz, á que pretendía en rivalidade con Airas, o fillo máis vello do señor que moraba en Doncos.
Aldara non acababa de decidir con cal debía casar e aconsellábase co irmán nas cabalgadas que facían por pracer ou á procura de herbas para menciñas. Un serán, a moza non se presentou a cear e Froiaz mandou buscala toda a noite. Despois, viñeron Ero de Torés e Airas de Doncos, acompañados dos homes máis valentes para buscar noite e día en terra de osos. Na vellez de Froiaz, Egas matou unha cerva que se lle puxo a xeito. Cortoulle unha pata de diante como trofeo para ensinarllo a seu pai e deixou o animal ata deloutro día. A pata volveuse a man que portaba un anelo de Aldara.
Ero chorou por ela na torre de Torés o resto dos seus. ¡Que Deus salve a torre de Torés para que non teñamos que chorar outravolta por máis patrimonio esnaquizado!