Fonte: Paxina de Adega (www.adega.info)
Percorreuse unha zona onde a presenza dunha veta calcaria produce interesantes singularidades xeomorfolóxicas e botánicas. Foi no concello de Becerreá, á entrada da comarca dos Ancares. O roteiro, de pouca dificultade tivo un percorrido curto (12 km aproximadamente), apto para todas as idades, e que nos permitiu coñecer con calma espazos de singular beleza e xeoloxicamente peculiares. A xeoloxía de Galiza é tamén un patrimonio a conservar!
O PERCORRIDO:
Partiuse de Cruzul, nas proximidades dun pequeno torcal (labirinto de rochas formado pola erosión nas pedras calizas) transformado en fermoso xardín. Pasando pola ponte vella, escenario dunha importante batalla cando as tropas francesas do mariscal Soult perseguían as británicas de Sir John Moore que fuxía cara ao porto da Coruña. Seguimos paralelos ao río Cruzul e poidemos observar os penedos que caeron a rolos impulsados polo "terremoto de Triacastela". Atopamos unha fonte intermitente (no verán), que podería ser unha fonte vauclusiana, e fixemos un percorrido de ida e volta para adentrarnos no aciñeiral de Cruzul, un dos poucos existentes na Galiza, e que constitúe o motivo principal de que este espazo mereza estar incluído na Rede Natura 2000 xunto coa próxima fraga de Agüeira (LIC Cruzul-Agüeira). Despois subimos até a canteira de Morcelle, onde poidemos ver unha verdadeira desfeita: os restos dunha cova dinamitada, cuxo valor xeolóxico e estético (perdidos xa para sempre) aínda poden adiviñarse, pois as pedras da canteira son unha excelente mostra das diferentes formas e cores que pode adoptar a caliza. Continuamos ata a fermosa aldea de Morcelle e ata Cormes, onde vimos a Casa Grande, edificio singular. Posteriormente baixamos por Cela ou ben pola Ferrería para achegarnos ao torcal d’O Grovo, no medio dun souto.
Novas